sábado, 26 de abril de 2014

Visitas a centros de ensino, IES Félix Muriel, Rianxo

Día do libro con Carlos Negro

María Domínguez e María Losada
IMG_20140423_104522   IMG_20140423_112253  




Hoxe tivemos a inmensa sorte de celebrar o día do libro co poeta Carlos Negro. Presentounos en primicia o seu novo libro de poesía “Penúltimas tendencias” e durante 50 minutos estivemos disfrutando moito cos seus poemas.
IMG_20140423_104212
Aínda que non todo foi lectura…. Comezou cunha introdución moi interesante na que nos mostrou que a portada é un reflexo do contido do libro e fíxonos reflexionar un chisco sobre a visión da muller na sociedade actual.


Desde unha maleta en tons rosas de “última tendencia” comezou a representar algúns poemas mentres os recitaba, axudándose con bonecas Barbie, revistas do corazón, unha gaiola…
IMG_20140423_110607 IMG_20140423_110612 
A charla estivo moi ben, porque foi diferente ao que estamos acostumados, e conseguiu sen dubida o seu obxectivo: sorprendernos e achegarnos unha poesia cotiá e divertida. O tema do libro é un tema próximo a nós, e por iso, e polas reducións ao absurdo que realizou Carlos Negro para que nos désemos de conta  e tivesemos unha visión crítica do mundo no que vivimos e os estándares que admiramos, foi do máis ameno.

IMG_20140423_104147
Aínda que non o leu todo, explicou a estrutura do seu libro, e fixo unha lectura dalgúns poema. É moi sinxelo identificarte con eles, e entrar na esfera que desexa o autor de critica aos modelos imperantes dende unha perspectiva adolescente como é a nosa. Por todo iso consideramos que Carlos Negro conseguiu o que se propuxo: espertou a nosa curiosidade por outro tipo de poesía e invitounos a unha reflexión crítica sobre os estereotipos da sociedade actual, sen esquecer o tema da lingua… IMG_20140423_103846

Mais isto xa se presentará noutro artigo a través dun vídeo…
IMG_20140423_112302IMG_20140423_112336





Institutos [1], Nerea Lorenzo, IES Félix Muriel, Rianxo


No instituto, tivemos charlas desde primeiro da ESO ata este último ano  de moitos tipos, pasando dende as máis aburridas ata as que che enganchan e che marcan para, se cadra, toda a vida. 

A visita de Carlos Negro entra dentro desas charlas que non son indiferentes para ninguén, un discurso dinámico, divertido e cunha gran mensaxe de denuncia que chegou perfectamente a nós, os seus oíntes. 

Eu, como muller, reflexionei sobre aspectos da miña vida sobre os que anteriormente non o fixera; decateime de que son unha barbie enxaulada, unha bonequiña rosa amarrada polas ideoloxías da sociedade. A miña conciencia de muller libre aumentou inxentemente grazas, paradoxicamente, a unha figura masculina.

Quero facerlle chegar a Carlos Negro as miñas máis sinceras grazas. As grazas por escribir e as grazas por deleitarnos coa súa obra. 

Grazas sobre todo por dedicarlle un oco do seu tempo a este grupo en desigual situación que é o das mulleres, e por sacarnos os panos de seda dos ollos. 

En Rianxo gañou unha lectora máis.

"La Voz de Galicia"

fuga penultimas

Lecturas [7], Mariña Castro Fontao, IES Pintor Colmeiro, Silleda

24/04/14

Penúltimas tendencias

Comentario de Mariña Castro Fontao

 
Poesía rabiosa e descarada, denunciando as ataduras das modas femininas, dos estándares de beleza e comportamento. Obra curta, entretida e con moita razón. Como non vai gustar un libro así?

Está cheo de sentimento, dun rexeitamento que comparto.

Rapazas comúns que non son escravas dos espellos e con "sentidiño" son levadas ao máis alto, e sen querer estar de moda, teñen moito estilo.

Fóra divinas, ola rapazas reais. 

Non só trata sobre a crítica de como se supón que ten que ser o aspecto dunha muller "fashion", tamén se adentra nas relacións sentimentais.

Nada de princesas presas, nada de conformismos e nada de superficialidade, pois tamén nos mostra que as mulleres (e os homes) sen cerebro non valen para gran cousa.

Esta obra afonda na personalidade, roza a alma e intenta adentrarse nos pensamentos de sobre todo, as adolescentes. 

Porque son persoas, que senten, que viven. Non deben ser borregas dos estereotipos, son fermosas pola súa pulpa , non porque as revistas ou o resto da xente o opinen, ao fin e ao cabo non deixa de ser unha opinión. 

Quen ten a verdade absoluta? Quen sabe a senda para acercarse á perfección? Ninguén.

Polo tanto hai que inventar a maneira de acomplexar á prole. De facela consumir, gastar. De afundir a súa autoestima e recordarlle continuamente que nunca terá pel de photoshop nin corpo de barbie bulímica. Nin falta que fai.

Recoméndocho se tes un cachiño pa ler. 

Lecturas [6], Álvaro Villar Ferreiro, IES Pintor Colmeiro, Silleda


Penúltimas tendencias

Comentario de Álvaro Villar Ferreiro


Este libro, ao igual que o anterior que lin de Carlos Negro, gustoume moito. Unha das cousas que me agradou tanto en Penúltimas Tendenciascomo en Makinaria foi a súa sinxeleza á hora de ler, ademais da mensaxe que transmiten.
No caso de Penúltimas Tendencias podemos observar unha crítica da sociedade na que vivimos. Unha sociedade capitalista, idealizada, na que as mulleres son as peores paradas; xa que dende o inicio a sociedade véndelle un conto de princesas que nada ten que ver coa realidade. A moza do libro é un claro exemplo dunha muller que non quere un mundo de princesas. Ela mostra o seu carácter e os seus pensamentos sen importarlle o que os demais opinen dela. Loita por defender os seus ideais e non se deixa asoballar polo que a sociedade lle quere inculcar. 
A min persoalmente o poema que máis me gustou foi Fora de Onda, xa que é un claro exemplo de que ela ten a súa propia personalidade para facer o que lle gusta e non deixarse guiar polo que a maioría denomina como “guai”.      

El Correo Gallego

A poesía, penúltima arma

Carlos Negro asina 'Penúltimas tendencias', réplica paródica contra o estereotipo das identidades baleiras na mocidade

BERTA DÁVILA
A- A+

Carlos Negro (Lalín, 1970) entregáranos con Makinaria (2009) un artefacto poético de alta potencia e regresa agora con estas Penúltimas tendencias (2014) que queren ser un xogo moi serio na loita contra as cartas marcadas. Toda a poesía que hai neste libro vai dando forma a unha pílula enerxética capaz de se converter en catalizadora dunha rebelión contra os roles establecidos e as construcións de xénero estereotipadas, as mesmas que acosan o lectorado adolescente por todas as frontes e entre as que este trata de sobrevivir mentres a semente da propia identidade vai medrando.
O poemario divídese en sete apartados cuxos títulos anuncian poemas nos que se desafían os contidos típicos das chamadas revistas femininas para adolescentes. O recurso ao paródico serve para articular un discurso que denuncia a representación da adolescente como consumidora baleira de identidade, e resulta literariamente hábil e eficaz para reverter, desde dentro, o clixé e a preconfiguración da imaxe da muller.

venres, 11 de abril de 2014

Lecturas [5] Helena Pereiras Villamayor, IES Pintor Colmeiro, Silleda

10/04/14


Penúltimas tendencias


Comentario de Helena Pereiras Villamayor
Este libro é o primeiro de poesía que leo, e Carlos Negro cambiou a miña opinión sobre este xénero literario. Neste libro podemos ver que non ten porque ser aburrida e monótona como todos (ou case todos) pensamos, senón divertida e coa que podes pasar un bo rato.

Gustoume moito un poema en concreto, "Guapa y a la última", pola comparación que fai entre ser guapa e vestir ben, con falar con seseo e gheada.

Moi recomendable a todos aqueles que queiran pasar un tempo agradable e curto lendo, xa que o libro é moi fácil de ler e acábase moi rápido. Despois de lelo, lerei máis de poesía, sen dúbida.

Lecturas [4] David Núñez Ouzande, IES Pintor Colmeiro, Silleda

09/04/14

Penúltimas tendencias


Comentario de David Núñez Ouzande



Este libro relata unha serie de poemas sobre a vida das mulleres, máis ben mozas. Estes poemas son diferentes, pero ao mesmo tempo teñen cousas semellantes, xa que tratan temas similares.
Así mesmo, podo dicir que non hai ningún poema que me chamase máis a atención que os outros.
Este libro non me agradou tanto como esperaba. Non é o primeiro libro que leo deste autor, nin de poemas. Pero pola contra, este non me chamou a atención, xa que cando o lin non me enganchaba e a verdade hai poemas que non comprendín tan ben como outros. Tamén teño que dicir a favor do libro que é bastante fácil de ler debido a que é un libro bastante curto e logo se remata.

martes, 8 de abril de 2014

Lecturas [3] Lucía García Rodríguez, IES Pintor Colmeiro, Silleda

08/04/14

Penúltimas tendencias

Comentario de Lucía García Rodríguez

Non adoito ler moita poesía, xa que non é un xénero que me atraia. Carlos Negro é un autor que me gusta polos seus poemas de diferente temática aos que lin. Penúltimas tendencias contén poemas breves e entretidos, o que fai que sexa unha obra amena e que me guste.
 
Entre algúns dos meus poemas preferidos encóntranse "It girl" ou "Verdade, bico ou atrevemento."

Como o título indica, o libro, en xeral, fala das tendencias que foron xurdindo nos últimos tempos como os piercings. Tamén menciona algúns estranxeirismos que substitúen a palabras galegas e que cada vez se escoitan máis como fashion.

Recoméndolle este libro a todas as persoas, en especial ás adolescentes, porque ao ter unha temática sobre elas, vailles gustar.

Crítica literaria [7], Antonio García Teijeiro, Versos e aloumiños


"PENÚLTIMAS TENDENCIAS", ÚLTIMO POEMARIO de CARLOS NEGRO: UNHA RAPAZA NA BUSCA DA VOZ DE SEU.

Non teño dúbidas de que Carlos Negro é un dos poetas máis interesantes e inquedos do noso panorama poético.

Carlos non se resigna endexamais a facer obras previsibles. Sempre está a buscarlle as voltas á realidade que o rodea e, a partir de aí, crea e pon á vista dos lectores e lectoras o seu discurso normalmente poético. É un discurso arriscado na forma e comprometido no fondo. Consciente do carácter poliédrico desta realidade, Carlos Negro afía o gume da navalla e fai cortes naqueles temas que o desgustan: a situación da muller, a violencia de calquera clase, a inxustiza social, os modelos dunha sociedade enferma, a publicidade enganosa e todo aquilo que soa a manipulación do ser humano.

Xa vimos como Makinaria, un poemario orixinal e necesario, deixou a súa pegada nos mozos e mozas, incluíndo a todos aqueles que vivimos preto deles. Xa gozamos os seus lectores con Abelcebú, ese tratado científico de escarnio e maldicir, con ese humor negro (non hai xogo co apelido do poeta) que desvelaba as trampas e vergoñas que nos presenta este mundo.

Agora sae do prelo, editado por Edicións Xerais, na colección Fóra de XogoPenúltimas tendencias, un poemario que volve rachar esquemas poéticos, directo e cru, e que reivindica, dende a palabra literaria, os dereitos da muller tan pisados no día a día. Nel, a xeito de diario ou cuestionario, unha adolescente négase a ser unha moza obxecto, alguén tiranizado polas modas e tics da superficialidade e dos modelos baleiros que presenta esta sociedade, cada volta máis gris. 

Unha rapaza que quere ser ela mesma, alguén auténtico, que pensa, que loita contra a manipulación social do fashion, cool, chic e sexy, que desexa acadar esa voz que non tivo. Non lle gusta este universo que fere sen compaixón, pois ela quere ser, por riba de todo, persoa. Si, persoa rebelde, que pon os demais no seu sitio. Persoa que pensa e decide os camiños por onde transitar. Persoa que pon a súa dignidade por riba de todo. E isto, preséntanolo o autor, a través de poemas convertidos en autocuestionarios (Cal é a túa pose favorita? / A posición dunha percha no armario (…) Es feliz? / Nin che me pasa pola cabeza ser un parrulo no estanque), en declaracións rexas ( Fai favor, vai liscando. / Provócasme inapetencia. / Vas a saco pola vida, / con ese xeito de andar / que arrasa con todo, / hormonas, piercing / e camiseta axustada (…), en pistas para que entre alguén na súa vida: Como me mola que entres. Como se non existisen os puños. / Como se mirases con ollos cegos. / Como se non agardases resposta. / Como se non importasen as linguas. / Como se apenas fose necesario) e, mesmo, expresando a que sabe o amor: A porta sen casa. / A vento do norte. / A cabo do mundo. / A luz de tormenta (…) Son algúns exemplos da riqueza expositiva deste poemario.

E chámame moito a atención, como curiosidade, o poema Barbie girl, un ataque frontal ao universo rosa da muller, a partir da estrutura do famoso poema de Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra. Comeza así: O noso universo é rosa / Rosas son os muros / da prisión das princesas. / Rosa o amor / e o estampado dos vestidos. / As fadas, / as bonecas, / a luz, / a laca de unllas, / as máscaras, / son todas rosas (…).

En fin, unha mostra máis dos camiños que se poden elixir para achegar a poesía aos mozos e mozas, para facer que sintan a chama da poesía como algo próximo a eles. Camiños intelixentes, directos, que Carlos Negro leva percorrendo con soltura e acerto polas paraxes da nosa poesía.

Un libro, xa que logo, para que os versos estean presente na vida, demasiado superficial e mentireira, da nosa mocidade e de nós mesmos.


Lecturas [2], Eugenia Gil, IES Pintor Colmeiro, Silleda


Este non é  meu primeiro libro en poesía, pero si o que mellor comprendín. Defende a postura da muller. Trata sobre diferentes momentos aos que se enfronta unha muller día a día. 

Posiblemente dous poemas destacaron sobre os outros. 

O primeiro é "Radikal punk":

Nazo de novo.
Pero desta vez
sen auga bendita
e con moi mala hostia.

O outro que me impactou moito foi "Fóra de control":

A quen chamo, como visto, onde andabas metida...
En canto valoras, my boy, este corte de mangas?


Gústame moito como o autor usa un ton desenfadado para relatar os poemas e, sobre todo, a comprensión que amosa para cos adolescentes. Ademais é fácil de ler e non moi longo. Ten un 8 para min.

sábado, 5 de abril de 2014

Lecturas [1] Denise Varela, IES Pintor Colmeiro, Silleda

11/03/14

Penúltimas tendencias


Comentario de Denise Varela

Libros que rompen as barreiras e os silencios, que se atreven a dicir as verdades da nosa sociedade, que che fan rir e ao mesmo tempo que che fagan pensar. Penúltimas tendencias de Carlos Negro é un libro realmente excelente. Trata a sociedade da muller, a eses prototipos de mulleres perfectas que existen hoxe en día. A ese mundo de princesas que nos rodea e que estamos acostumados a vivir. Un libro con moito que contar pero que co mesmo tempo rirás moito.
Persoalmente, a min este libro pareceume realmente entretido e fácil de ler. Gustoume ler algún libro que tratase estes temas de actualidade con eses toques de diversión e crítica.
Se tivese que decantarme por algún poema, a verdade e que non sabería xa que todos son moi bos, pero hai un moi que a min, persoalmente, chamoume moito a atención.


Operación Triúnfo

Nin de broma me digas que son divina.
Non teño a mellor voz do universo.
Non collo nese talle supersexy.
Non uso o escote como escaparate.
Non quero nin dez minutos de gloria.
Só quero un curso intensivo de bicos,
dúas ou tres frases que soen sinceras
e cinco segundos para decidir se acepto
ou se te envío á papeleira de reciclaxe

xoves, 3 de abril de 2014

Videopoema "Guapa y a la última" / Xosé Bestilleiro


Entrevista en Magazine Cultural Galego / Montse Dopico

“Hai todo un mercado especializado que pauta o que as mozas deben comprar, vestir, pensar”

Montse Dopico26/03/2014Entrevistas
carlosdentro

Unha moza rebélase contra a ditadura do fashion, cool, chic e sexy. Do dogma do sempre guapa e perfecta, como mandan as revistas de moda. Mais tampouco se salva das contradicións, da atracción por aquilo que marca a pertenza ao grupo. Así é ‘Penúltimas tendencias’, (Xerais), o novo libro de Carlos Negro. Unha crítica non só dun modelo de beleza ficticio, senón da reprodución de roles tradicionais que manteñen as mulleres presas de instrumentos de control como o imaxinario do amor romántico. Suxeitas a tópicos que poden chegar a agochar, mesmo, os malos tratos.
Parte o libro dalgunha experiencia concreta ou foi unha reflexión que se foi sedimentando co tempo?
Máis ben foise sedimentando, si. Dicíanme que o meu libro anterior, ‘Makinaria’, que está centrado nos mozos adolescentes, era moi masculino. Entón pensei en tratar un tema diferente, pensando tamén no público xuvenil, que é o desa presión sobre as mulleres para que todo sexa “fashion, chic e sexy”. E foi un reto, a verdade. No caso de ‘Makinaria’ si que partira do que vía, en mozos próximos. Neste caso, foi máis ben unha reflexión de máis tempo, orientada a esa crítica dos estereotipos.
O libro apunta á imposición dun modelo de beleza non só irreal, senón reprodutor de roles patriarcais.
Un modelo de beleza que tamén se está a estender aos homes, aínda que a presión é maior sobre as mulleres. O libro ten tamén un sentido das metamorfoses dunha moza, que poderían ser varias. Da procura da propia identidade, fronte a un modelo de beleza moi pechado e canonizado. Mais tamén hai outras ideas, como o amor romántico. E, nese aspecto, o libro é unha reacción contra o escrito por Federico Moccia. Eu vía que os alumnos o collían na biblioteca, que estaba moi de moda. Tiña curiosidade e lino. E quedei asustado. Ademais de estar pesimamente escrito, era profundamente reaccionario no seu contido. Era o tópico da muller fascinada polo ‘machito’. Unha muller aparentemente liberada pero que o que quere é ser modelo de televisión, presentadora ou parella dun chico guapo, á sombra do seu mozo.
O libro é como un diario no que unha moza se rebela contra ese modelo de beleza. Mais esa rapaza tamén ten dúbidas e contradicións.
Porque cando xogas no aramio podes caer, e podía acabar presentando a moza como unha boneca automática sen vida, que era o contrario do que quería. A moza ten contradicións e dúbidas, claro. Quere afastarse dese mundo da imaxe que se lle impón, pero tamén se sente atraída por el. Sabe que lle están a vender un mundo ficticio e prefabricado, mais tamén é certo que se te afastas do que se considera moderno quedas á marxe. Por iso non hai branco e negro. Quere escapar mais tamén ser aceptada polo grupo. Non quería caer nun estereotipo de rebeldía simple. Ademais, é un libro de poesía, non un ensaio. Só quero que axude a reflexionar un pouco…
É verdade que hai un contraste con ‘Makinaria’ e a súa masculinidade ‘malote’.
Con ‘Makinaria’ estaba tirándome un pouco á piscina sen saber se habería auga. Ademais de ‘Poetízate’, de Fran Alonso, non había moitos máis libros de poemas enfocados para público xuvenil. E non sabía como ía ser recibido o meu. Cando vin que si, que era posible facer poesía para adolescentes, pensei en facer outro libro para eles, pero sen repetirme. Hai contraste nese sentido, si, porque quería facer outra cousa. E foi algo consciente e meditado.
Os primeiros poemas falan da revista ‘Superpop’, das fadas de Walt Disney, da obriga do “shopping”…
É esa mensaxe multimedia que está na publicidade, nas redes sociais, no cinema, na música, en revistas… Para escribir este libro vin a Saga Crepúsculo, a Hannah Montana, lin revistas como a ‘Superpop’… Hai todo un mercado especializado que vai pautando o que as mozas deben comprar, vestir, pensar… É cando investigas iso, é moi evidente a carga ideolóxica, a importancia da linguaxe: as palabras en inglés como marca de grupo: o ‘selfie’, o mozo como ‘my boy’, o estar ‘happy’ nunha ‘party’… Tiña que achegarme a esa linguaxe, tamén, no libro, para que fose crible. Porque non debía resultar impostada, falsa…
Nese sentido, os poemas utilizan unha linguaxe directa. Supoño que pensada tamén para xente que non está afeita a ler poesía.
Non é unha poesía complexa, de varias capas de linguaxe e simboloxía. Pero sempre está o risco tamén de caer nunha linguaxe plana. Ten que ser verosímil, e se é como o diario dunha moza no que se pregunta quen é e como quere ser, non pode ter un discurso adulto, senón acorde coa súa idade. Por outra banda, tamén é verdade que os destinatarios son mozos e mozas que non estarán, a maioría, afeitos a ler poesía. E se cadra facer un poemario pensado para o seu tempo é unha maneira de inicialos na poesía. Mellor perder un pouco de “profundidade lírica” e gañar lectores para a poesía. Ademais, con ‘Makinaria’ si conseguín que mozos que non lían poesía se interesasen por ela…
A moza achégase ao punk, ao gótico… A outras identidades que, malia todo, tamén poden estar pautadas.
Si, por iso falaba antes de contradición e de metamorfose. A moza, que podería ser varias mozas, quere escapar da masa, e vai probando cousas. E, claro, moitos signos de rebeldía acaban sendo devorados polo mercado. Nas súas metamorfoses, pasa polo punk, o gótico, o manga… É un xogo de identidades que ten que ver coas tribos urbanas, coa identificación con signos externos de pertenza a un grupo. É como un mostrario de identidades que ela vai adoptando, por iso ao final di que pechen a porta que ela vai seguir mutando. Porque non é unha muller feita, está en proceso de cambio.
Na parte que fala do amor, comézase cunha revisión do concepto de “masculinidade”. Rexeita os tipos duros de músculos tuneados e sen nada que dicir.
Na adaptación en película de ‘Tres metros sobre el cielo’ de Moccia vese moi ben iso, todos os tópicos e barbaridades que se lanzan arredor da masculinidade. O dos “chicos guapos” e “cachas”… E isto é algo que se percibe tamén na realidade. Os mozos asocian os malos tratos coa xente maior, non ven os celos como algo negativo. As mozas pensan que se o mozo se cela é porque as quere. E non se percibe que haxa necesidade ningunha de reflexionar sobre iso. E o que eu quero é que reflexionen sobre iso. Que rexeiten esa idea do amor romántico como algo pechado, absoluto, posesivo e excluínte, que pode derivar en condutas de control e malos tratos. Ese concepto do amor romántico é algo moi asumido, que condiciona a súa forma de ver as súas propias relacións. E é perigoso porque baixo esa aparencia de mozo moderno e, iso si, depilado, está o mesmo chulito, o mesmo machote de sempre, igual de agresivo e de macarra. De todas maneiras, o da revisión da masculinidade é un tema que me preocupa, e que está tamén noutras cousas que teño sen publicar. Tamén é que son pai, e penso en como debo educar ao meu fillo a respecto diso. Eu tamén teño dúbidas e contradicións. 
Hai outra cuestión, tratada de forma máis indirecta, que é que a identidade da moza non ten que depender de con quen estea ou de se está cun mozo ou non.
Si. Hai dous temas que están tamén no libro que son, por unha banda, o dereito á intimidade fronte á exhibición constante nas redes sociais. Tamén tes dereito a que cousas que che pasen queden para ti, a estar en pixama pola casa e non estar sempre guapa. As mozas teñen dereito a ter o seu propio espazo, a ter un cuarto de seu, como dicía Virginia Woolf, a ser valoradas por si mesmas e a non sentirse marxinadas se non están todo o día colgando fotos no facebook. Outro tema do libro é que a moza teña a súa identidade, o seu proxecto de vida, sen que teña que pasar necesariamente por ter parella, e sen ser xulgada por iso. Tamén temos que ter espazos de soidade para reflexionar sobre o que nos pasa… Mais o que ocorre cos adolescentes tamén lles pasa aos adultos. Parece que a autoestima acaba dependendo de cantos amigos se teñen nas redes sociais.
Tamén se apunta a cuestión do cambio do corpo e da súa revisión diante do espello…
De repente levas un susto: o teu corpo muda, tes grans… Teño que dicir que este libro non sería posible sen a poesía dos 90 feita por mulleres que revisaron os mitos do corpo, da sexualidade… Influíron neste libro outros libros como ‘Moda galega’ de María Reimóndez, ou María Lado, Yolanda Castaño, Lupe Gómez, Begoña Caamaño… E tamén poetas que se achegaran ao universo xuvenil sen prexuízos: Fran Alonso, Antonio García Teijeiro, Elvira Riveiro… A moitos rapaces si que lles interesa a poesía, o que pasa é que ao mellor ninguén mediou para que a coñecesen. Porque se cadra se lles achegou unha visión moi académica e historicista da poesía que os afastou. Por iso creo que foi tan importante ‘Poetízate’ de Fran Alonso.
Tanto este libro como o anterior son moi distintos de ‘Far-West’, ‘Cultivos transxénicos’… Mais o tema da revisión da masculinidade xa podía percibirse.
Si, en ‘Héleris’ xa había unha revisión diso, no sentido do que o nacionalcatolicismo impoñía sobre o que debía ser unha muller e un home no tempo da posguerra. De todas maneiras con ‘Cultivos transxénicos’ pechei unha etapa. Agora xa non estou tanto co tema da identidade colectiva, a memoria do rural, a identidade nacional…, senón co tema da identidade de xénero… Aínda que isto é unha reflexión que fago a posteriori, non é algo planificado. Vou buscando cousas novas que contar. Tento non repetirme. De feito, polo medio publiquei en Positivas ‘Abelcebú’, un libro satírico que non tiña que ver cos anteriores. Busco temas noves, voces novas, cada un co seu estilo. Non é tampouco que teña un estilo recoñecible. Parece que son un escritor diferente ao cambiar de libro, porque son proxectos distintos. Son etapas.
E que son esas cousas que tes sen publicar, entón?
Pois estou tentando escribir algo en prosa… Xa se verá.

Crítica literaria [6], Xosé Manuel Eyré, Galicia Confidencial Tendencias

Literatura intelixente para mozos e mozas intelixentes

Ledicia Costas, en Recinto gris escribiu unha preciosa historia de liberación persoal e colectiva. Pola súa banda, Carlos Negro, autor de Penúltimas tendencias, incide tamén, niso, na uniformización despersonalización disfrazada de mordenidade cando en realidade non é máis que mediocriade supersexy, fashion antes muerta que sensilla. Crítica de Xosé Manuel Eyré.


Por GC Tendencias | Vigo | 21/03/2014

Carlos Negro, autor de Penúltimas tendencias, incide, precisamente e tamén, niso, na uniformización despersonalización disfrazada de mordenidade cando en realidade non é máis que mediocriade supersexy, fashion antes muerta que sensilla , marca disney ou “evax fina y segura”, tanto ten. E é, ademais, a de Carlos Negro unha poesía de moi alto valor estético, non un simple alegato en prosa recurtada, dato a ter moi en conta. Pero que moi en conta.

O poemario de Carlos negro ben podería aparecer en colección para adultos, se falamos da súa calidade, do seu valos estético, dos versos perfectamente medidos que marcan ritmos ao servizo dunha discursividade climática onde os símbolos empegados atopan iluminación, da figuración ou das estruturas perfctamente calculadas. Mais é que, primeiro, o seu destinatario preferente son os mozos e mozas, ou, mellor, mozas e mozos, e, en segundo lugar, non por seren elas e eles destinatarios preferentes os textos teñen que ter menos calidade. Cunha linguaxe que garante a presenza de temas  e estereotipos da moza feita a imaxe e semellanza das mensaxes de revistas ( Superpop, por exemplo), libros ( os de Fecerico Moccia ou tamén Harry Potter) ou cancións (Justin Bieber, Beyoncé), Carlos Negro dá voz a un eu lírico que identifica a moza rebelde, a moza que non se quere deixar atrapar no espello do superfluo uniformizador mediante a despersonalización cegadora. 

Material explosivo, cada poema é iso, material explosivo. Para mozas e mozos que pensan e non se compracen coa despersonalización grupal materializada desde mensaxes e intereses  costumistas megafashion,  baleiros de calquera calquera cousa que non sexa o consumismo teledirixido da imaxe insubstancial.

E han perdoar que o crítico non queira dar máis pistas, na crenza de que a insinuación é convite a excesiva profusión no espido da obra pode incentivar o saber pasivo e estéril.

Porque estas son lecturas para moz*s intelixentes. Mais cómpre tamén docentes intelixentes e preocupados pola formación humana dos alumn*s, docentes que no ensino estean par algo máis que gañar as fabas.

Crítica [5], César Lorenzo Gil, Biosbardia

‘Penúltimas tendencias’: Clixé contra clixé

penultimasO profesor Carlos Negro publica Penúltimas tendencias,poemario xuvenil que completa a liña iniciada con Makinaria (2009). Ambos libros están editados por Xerais na colección ‘Fóra de xogo’, de libros pensados para adolescentes.
A idea do novo poemario de Negro é alentar as mozas á rebeldía fronte á “ditadura” da “vida en rosa” que prometen as revistas de adolescentes, o Disney Channel e a lista de éxitos dos 40 Principais. E a arenga en verso escríbea o autor lalinense cunha linguaxe directa, coas ferramentas do seu público obxectivo: un galegenglish salferido de referencias pop:Justin Bieber, a narrativa de Federico Moccia, os contos de princesas…
Dúas son as maiores calidades deste libro. Por unha banda, insiste na aposta pola poesía como vehículo de comunicación coa xeración de novos lectores.
A priori podería pensarse que a mocidade está familiarizada coa linguaxe lírica mercé ás letras das cancións que escoitan acotío e tamén a través das lecturas de clásicos populares como Pablo Neruda, Miguel Hernández, Mario Benedetti ou Charles Baudelaire (poetas de iniciación, voces emprestadas para os rituais de iniciación no amor, no sexo e na rebeldía). Mais pola contra apenas hai poemarios xuvenís. Negro xa conseguira unha gran repercusión con Makinaria, que xa vai pola terceira edición e fora finalista do antigo premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. Aquel canto de épica e morte declamado sobre o asfalto onde “combatían” os coches tuneados ten o seu espello nestoutro libro.
O doado para un poeta é destinar o seu discurso literario aos círculos convencidos. Sementar novos públicos para a lírica e dotar de libros propios os lectores non habituados á poesía é un labor loable. Ademais, en Carlos Negro nótase que é unha decisión repousada e que seguramente terá continuidade no futuro.
A segunda calidade é a valentía de tratar temas femininos “desde dentro”. O poeta sempre ten máis complicado distanciarse da súa propia voz autoral e converterse en narrador ou personaxe. Dicía Julian Barnes que unha primeira persoa nun poema comprometía máis o seu autor ca a sinatura dun testamento. E o escritor profesor opta pola primeira persoa. Son versos que se escriben en estilo directo e sen mediador.
Os temas deste libro non son nin orixinais nin profundos. Contra o clixé da adolescente “cor de rosa”, Carlos Negro enfronta un contraclixé de suposta irreverencia e rebeldía que case nunca pasa de ser unha galería de tópicos.
O problema é que esa valentía na voz queda aí. Os temas deste libro non son nin orixinais nin profundos. Contra o clixé da adolescente “cor de rosa”, Carlos Negro enfronta un contraclixé de suposta irreverencia e rebeldía que case nunca pasa de ser unha galería de tópicos. Fronte á gaiola da beleza obrigatoria, a furia enxebre; fronte á submisión ao amor romántico, a liberdade de dicir non; fronte ao consumismo, a intelixencia. Así escritos, os conceptos son interesantes. Mais se non se desenvolven con ferramentas literarias, quedan convertidos en lemas dunha campaña publicitaria institucional. Desas que todos os anos paga a Xunta ou o goberno central, desas que todos aplauden pero que non teñen influencia ningunha.
E esa é a grande eiva que lle vexo ao libro de Negro: que renuncia á intervención social, que non electrifica o seu discurso poético para que realmente rompa o teito de cristal, esgace as costuras que tapan as bocas das rapazas, mova a saírse da liña marcada. “Non vou nunca de parties./Non quedo de finde./Non me baño na pisci” di o poema “Fóra de onda”. Os circuítos do non xa están moi explotados polo discurso maioritario. Era ben máis ousada a primeira Shakira ou os argumentos de “Rebelde Way”.
O tópico do cárcere rosa (Carlos Negro até utiliza a carrozaría do poema “Longa noite de pedra”, de Celso Emilio, para darlle gravidade á “ditadura dos espellos”) precisaba de maior carga de realidade. A liña que empezou e non seguiu o autor podémola observar nalgúns versos de “Chica out“: “Porque son tan real/que sangro nos tampóns,/ínchanme os peitos/e trabo cos dentes”. Esa liña que descubra unha persoa real, non unha imaxe tan xeral, tan consensuada que acabe convertida en inverosímil figuríña de cartón.

César Lorenzo Gil