Penúltimas tendencias, de Carlos Negro

O poemario concíbese, así pois, desde a perspectiva dunha voz lírica que se arroupa tras a figura dunha moza adolescente, que vai levantando acta de vivencias e daquilo que está á volta da súa vida e que se non é un alter-ego desa meniña gaiteira rosaliana dos Cantares… actualizada ben se lle asemella. Precedido dunha suxestiva cuberta de Antonio Seijas e mais duns paratextos que nos sitúan singularmente na intención do poemario como son a dedicatoria -»A todas as mozas / que non admiten / costuras nos labios»- e fragmentos inspiradores, ou compañeiras de viaxe, que escolle o autor para este libro -anacos de Amy Winehouse, Emma Pedreira, Yolanda Castaño ou Lupe Gómez-, talvez máis ca un diario, que tamén o é, resulta ser unha crónica a través da cal a protagonista sofre unha sorte de metamorfose que a vai convertendo en poema e retratándose a si mesma. É aí onde se percibe o seu espírito iconoclasta e rebelde respecto ao establecido, e faino desde a instancia dun espazo que habita entendido como «cuadrilátero de dúbidas», co piercing como «única bandeira» mais onde sobre todo é o cerebro a fundamental «arma de combate».
Eu convido moi afervoadamente, como lector e mais como docente, á lectura deste libro, xa non só por atopar un fantástico poema que dialoga co célebre «Longa
noite de pedra» onde o símbolo da pedra se substitúe intelixentemente pola simboloxía que atesoura o »rosa», senón porque a concepción do discurso poético é fresca, activa, belixerante e anticonvencional, infiltrándose na realidade desde outra óptica e convidando a pensar e discernir, a reaccionar diante do que se ofrece como modelos hipocritamente estandarizados. Non é difícil rastrexar unha postura crítica diante das imaxes estereotipadas que cousifican á muller, inquírese por cuestións que afectan ao corpo e aos tópicos que rodean o amor e o sexo, deféndese o dereito á privacidade, expóñense as dúbidas e o medo ao descoñecido que se erixe como un océano tan profundo na mocidade e non só… Desvela, en fin, lugares comúns, mentiras e falsidades e faino con limpeza, diáfana e rotundamente. Parece mentira que tantas cousas poidan estar neste pequeno libro de poesía, pero están.

Ningún comentario:
Publicar un comentario