sábado, 26 de abril de 2014

Visitas a centros de ensino, IES Félix Muriel, Rianxo

Día do libro con Carlos Negro

María Domínguez e María Losada
IMG_20140423_104522   IMG_20140423_112253  




Hoxe tivemos a inmensa sorte de celebrar o día do libro co poeta Carlos Negro. Presentounos en primicia o seu novo libro de poesía “Penúltimas tendencias” e durante 50 minutos estivemos disfrutando moito cos seus poemas.
IMG_20140423_104212
Aínda que non todo foi lectura…. Comezou cunha introdución moi interesante na que nos mostrou que a portada é un reflexo do contido do libro e fíxonos reflexionar un chisco sobre a visión da muller na sociedade actual.


Desde unha maleta en tons rosas de “última tendencia” comezou a representar algúns poemas mentres os recitaba, axudándose con bonecas Barbie, revistas do corazón, unha gaiola…
IMG_20140423_110607 IMG_20140423_110612 
A charla estivo moi ben, porque foi diferente ao que estamos acostumados, e conseguiu sen dubida o seu obxectivo: sorprendernos e achegarnos unha poesia cotiá e divertida. O tema do libro é un tema próximo a nós, e por iso, e polas reducións ao absurdo que realizou Carlos Negro para que nos désemos de conta  e tivesemos unha visión crítica do mundo no que vivimos e os estándares que admiramos, foi do máis ameno.

IMG_20140423_104147
Aínda que non o leu todo, explicou a estrutura do seu libro, e fixo unha lectura dalgúns poema. É moi sinxelo identificarte con eles, e entrar na esfera que desexa o autor de critica aos modelos imperantes dende unha perspectiva adolescente como é a nosa. Por todo iso consideramos que Carlos Negro conseguiu o que se propuxo: espertou a nosa curiosidade por outro tipo de poesía e invitounos a unha reflexión crítica sobre os estereotipos da sociedade actual, sen esquecer o tema da lingua… IMG_20140423_103846

Mais isto xa se presentará noutro artigo a través dun vídeo…
IMG_20140423_112302IMG_20140423_112336





Institutos [1], Nerea Lorenzo, IES Félix Muriel, Rianxo


No instituto, tivemos charlas desde primeiro da ESO ata este último ano  de moitos tipos, pasando dende as máis aburridas ata as que che enganchan e che marcan para, se cadra, toda a vida. 

A visita de Carlos Negro entra dentro desas charlas que non son indiferentes para ninguén, un discurso dinámico, divertido e cunha gran mensaxe de denuncia que chegou perfectamente a nós, os seus oíntes. 

Eu, como muller, reflexionei sobre aspectos da miña vida sobre os que anteriormente non o fixera; decateime de que son unha barbie enxaulada, unha bonequiña rosa amarrada polas ideoloxías da sociedade. A miña conciencia de muller libre aumentou inxentemente grazas, paradoxicamente, a unha figura masculina.

Quero facerlle chegar a Carlos Negro as miñas máis sinceras grazas. As grazas por escribir e as grazas por deleitarnos coa súa obra. 

Grazas sobre todo por dedicarlle un oco do seu tempo a este grupo en desigual situación que é o das mulleres, e por sacarnos os panos de seda dos ollos. 

En Rianxo gañou unha lectora máis.

"La Voz de Galicia"

fuga penultimas

Lecturas [7], Mariña Castro Fontao, IES Pintor Colmeiro, Silleda

24/04/14

Penúltimas tendencias

Comentario de Mariña Castro Fontao

 
Poesía rabiosa e descarada, denunciando as ataduras das modas femininas, dos estándares de beleza e comportamento. Obra curta, entretida e con moita razón. Como non vai gustar un libro así?

Está cheo de sentimento, dun rexeitamento que comparto.

Rapazas comúns que non son escravas dos espellos e con "sentidiño" son levadas ao máis alto, e sen querer estar de moda, teñen moito estilo.

Fóra divinas, ola rapazas reais. 

Non só trata sobre a crítica de como se supón que ten que ser o aspecto dunha muller "fashion", tamén se adentra nas relacións sentimentais.

Nada de princesas presas, nada de conformismos e nada de superficialidade, pois tamén nos mostra que as mulleres (e os homes) sen cerebro non valen para gran cousa.

Esta obra afonda na personalidade, roza a alma e intenta adentrarse nos pensamentos de sobre todo, as adolescentes. 

Porque son persoas, que senten, que viven. Non deben ser borregas dos estereotipos, son fermosas pola súa pulpa , non porque as revistas ou o resto da xente o opinen, ao fin e ao cabo non deixa de ser unha opinión. 

Quen ten a verdade absoluta? Quen sabe a senda para acercarse á perfección? Ninguén.

Polo tanto hai que inventar a maneira de acomplexar á prole. De facela consumir, gastar. De afundir a súa autoestima e recordarlle continuamente que nunca terá pel de photoshop nin corpo de barbie bulímica. Nin falta que fai.

Recoméndocho se tes un cachiño pa ler. 

Lecturas [6], Álvaro Villar Ferreiro, IES Pintor Colmeiro, Silleda


Penúltimas tendencias

Comentario de Álvaro Villar Ferreiro


Este libro, ao igual que o anterior que lin de Carlos Negro, gustoume moito. Unha das cousas que me agradou tanto en Penúltimas Tendenciascomo en Makinaria foi a súa sinxeleza á hora de ler, ademais da mensaxe que transmiten.
No caso de Penúltimas Tendencias podemos observar unha crítica da sociedade na que vivimos. Unha sociedade capitalista, idealizada, na que as mulleres son as peores paradas; xa que dende o inicio a sociedade véndelle un conto de princesas que nada ten que ver coa realidade. A moza do libro é un claro exemplo dunha muller que non quere un mundo de princesas. Ela mostra o seu carácter e os seus pensamentos sen importarlle o que os demais opinen dela. Loita por defender os seus ideais e non se deixa asoballar polo que a sociedade lle quere inculcar. 
A min persoalmente o poema que máis me gustou foi Fora de Onda, xa que é un claro exemplo de que ela ten a súa propia personalidade para facer o que lle gusta e non deixarse guiar polo que a maioría denomina como “guai”.      

El Correo Gallego

A poesía, penúltima arma

Carlos Negro asina 'Penúltimas tendencias', réplica paródica contra o estereotipo das identidades baleiras na mocidade

BERTA DÁVILA
A- A+

Carlos Negro (Lalín, 1970) entregáranos con Makinaria (2009) un artefacto poético de alta potencia e regresa agora con estas Penúltimas tendencias (2014) que queren ser un xogo moi serio na loita contra as cartas marcadas. Toda a poesía que hai neste libro vai dando forma a unha pílula enerxética capaz de se converter en catalizadora dunha rebelión contra os roles establecidos e as construcións de xénero estereotipadas, as mesmas que acosan o lectorado adolescente por todas as frontes e entre as que este trata de sobrevivir mentres a semente da propia identidade vai medrando.
O poemario divídese en sete apartados cuxos títulos anuncian poemas nos que se desafían os contidos típicos das chamadas revistas femininas para adolescentes. O recurso ao paródico serve para articular un discurso que denuncia a representación da adolescente como consumidora baleira de identidade, e resulta literariamente hábil e eficaz para reverter, desde dentro, o clixé e a preconfiguración da imaxe da muller.

venres, 11 de abril de 2014

Lecturas [5] Helena Pereiras Villamayor, IES Pintor Colmeiro, Silleda

10/04/14


Penúltimas tendencias


Comentario de Helena Pereiras Villamayor
Este libro é o primeiro de poesía que leo, e Carlos Negro cambiou a miña opinión sobre este xénero literario. Neste libro podemos ver que non ten porque ser aburrida e monótona como todos (ou case todos) pensamos, senón divertida e coa que podes pasar un bo rato.

Gustoume moito un poema en concreto, "Guapa y a la última", pola comparación que fai entre ser guapa e vestir ben, con falar con seseo e gheada.

Moi recomendable a todos aqueles que queiran pasar un tempo agradable e curto lendo, xa que o libro é moi fácil de ler e acábase moi rápido. Despois de lelo, lerei máis de poesía, sen dúbida.